Jorge Mira: “Son un ‘friki’ e pensei que habería máis”
Como xurdiu a idea deste libro?
A curiosidade. Empecei recompilando artigos científicos sobre temas pouco convencionais hai doce anos e teño almacenados paquetes. A poboación, en xeral, pensa que os científicos só falamos de cousas serias como a profusión do cancro de mama ou as aplicacións da Física de Materiais, pero ás veces atopas investigacións que sorprenden como unha na que se explicaba como lavar as mans alivia a conciencia. Recollelas foi parte da miña actividade, pero a idea do libro xurdiu hai dous anos: pensei que era un friki e que había máis coma min e comenteino con Auga Editora, que o publicou.
Foi moi distinto a escribir para unha publicación científica?
Absolutamente. Téñoo claro que para chegar a moita xente hai que reducir a complexidade. A min iso da divulgación rigorosa non me cabe na cabeza porque rigor e vulgarización son bastante incompatibles. Cando un quere explicar algo en dez minutos a un público amplo, sen unha base científica, ten que simplificar as ideas e recorrer a metáforas.
Moitos investigadores abusan dos tecnicismos, cre que por iso moita xente pensa que a Ciencia é aburrida?
Si, claro. Hai científicos que intentan explicar as cousas á xente sen darse conta de que non están falando con alumnos. A Ciencia non é algo de fácil acceso, necesita unha formación previa.
Dicía que non se pode divulgar sendo rigorosos, é así como se pode calcular a temperatura do inferno?
Bueno, ese caso é distinto. O que fago no libro é un exercicio matemático que ilustra unha anécdota divertida para meterme cos creacionistas porque se se calcula isto, pódese calcular case todo.
Que relación teñen cousas como o botafumeiro e o bilingüismo?
Que son cousas que sorprenden. O do botafumeiro aparece nun artigo científico que explica como se move dun xeito intuitivo, mentres que o do bilingüismo ten que ver con que xenera unha sinerxia mental que o protexe de doenzas como o Alzheimer.
Recolle 63 enigmas, destaca outros?
Hai bastantes cousas sobre sexo. Por exemplo, que as mulleres con cadeiras grandes gústanlle máis aos homes porque unha femia que deposita a graxa nas cartucheiras é identificada como saudable. E as mulleres prefiren homes cunha cara cun toque feminino, isto vai en contra de que escollen tíos machos; aprenderon que eses tamén poden ser un perigo. Tamén falo da proporcionalidade entre o tamaño da man e do pene, sobre como a alimentación das nais inflúe en que teñan máis fillos varóns ou de que as bailarinas de streap-tease cando ovulan recollen máis cartos e de que hai homes máis infieis por natureza. Son cousas que lle interesan á xente.